Wednesday 01 de May de 2024

A sexta Feira do Polbo de Palmeira aspira a vender unha tonelada de octópodo


A prestixiosa oncóloga Manuela Gago Domínguez dará o pregón

A Festa do Polbo de Palmeira celebrará esta fin de semana a súa sexta edición coa pretensión de vender unha tonelada de octópodo entre os comensais que se acheguen ao certame no recinto portuario da localidade.

O concelleiro palmeirán Emilio Pérez, acompañado da edil de Cultura María Sampedro, deu a coñecer hoxe as características da feira, que abrirá o sábado 24 e o domingo 25 de agosto e está complementado cun nutrido programa de actividades lúdicas.

Carpa de 1.400 metros
Emilio Pérez lembrou que no primeiro ano contouse cunha carpa de 250 metros cadrados e subliñou que do progresivo crecemento e consolidación do evento dá fe o feito de se está montar para esta sexta convocatoria unha instalación de 1.400 metros cadrados. Unha vez máis, o pulpeiro Manuel Veloso estará ao mando dos fogóns.

A prestixiosa oncóloga e investigadora Manuela Gago Domínguez será a encargada de ofrecer o pregón da festa o sábado 24 ás 20 horas. Antes, a xornada abrirá con pasarrúas a cargo da charanga Os Atrevidos e do grupo de gaitas Xiada. Ás 12 do mediodía haberá unha sesión vermú co grupo Liantes de Artes, mentres que ás 19.30 actuarán os grupos de gaitas Xalunde e Xiada. Pola noite, a partir das 22 horas, o grupo Rokolas ofrecerá un concerto.

Polo que respecta ao domingo, haberá un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas O Rueiro. Ás 12 do mediodía, o grupo Versus dará unha sesión vermú mentres que ás 20 horas terá lugar unha exhibición de kárate-kempo polo Club Kempo Barbanza. Porá o broche final á festa o concerto de Pan de Leña (22h).

O concelleiro agradeceu a colaboración dos bares Baluarte, A de Alejandro e Manolo o do Café, así como da comisión de festas.

María Sampedro sumouse a este agradecemento e animou á veciños e visitantes a que pasen por Palmeira para disfrutar desta animada festa gastronómica.